O BNG vota en contra da suba do IBI e da taxa de recollida do lixo

No pleno celebrado onte o grupo de goberno do PP abordou a revisión anual das ordenanzas municipais que regulan os impostos, taxas e prezos públicos que deberán soportar os veciños e veciñas de Xinzo para o ano 2015. Nesta ocasión o IPC de setembro, que se toma como base para calcular as subas, foi negativo (-0,2%) malia o cal os impostos e taxas por servizos prestados directamente polo Concello non baixarán debido á prohibición do Plan de Axuste e da Orden PRE/966/2014 aprobada polo Goberno do PP en Madrid.

Taxa pola recollida e tratamento de RSU

A taxa do lixo para 2015 sube un 20% en todas as modalidades de aplicación da mesma (particulares, establecementos comerciais, empresas, etc). Os veciños da vila pasarán de pagar 45,03€ este ano a 54,04€ o que ven, no rural pasarase de 37,46€ a 44,95€.

A verdadeira razón desta suba do 20% é a intención do Sr. Baltar de privatizar a xestión do servizo de recollida do lixo.

Esta suba xustifícase nun suposto desfase entre o custo de prestación do servizo, que é xestionado pola Deputación, e o recadado entre os abonados. Para os cálculos a propia Deputación elaborou un informe segundo o cal o custo da recollida e xestión dos RSU’s de Xinzo ascende a 517.746,92€, aos que lle hai que restar 47.228,77€ de ingresos da recollida selectiva. No ano 2014 o Concello ingresou pola taxa 307.389,45€, é dicir, hai un desfase duns 160.000€ que é compensado directamente polo propio Concello e que o actual grupo de goberno do PP quere rebaixar incrementando a taxa nese 20%.

Para o BNG estamos diante dunha suba esaxerada, tendo en conta a situación actual de crise económica, improvisada, porque se basea nun informe non contrastado da propia Deputación, inxustificada, xa que o propio interventor do Concello afirma que pasamos nos últimos anos de ter un superavit entre os ingresos e os gastos nesta taxa a un desfase anual, e abusiva, pois aínda tendo en conta o incremento aprobado por Feijóo para o “canon de Sogama” o custo do tratamento do vindeiro ano con respecto a este non vai subir ese 20%.

A verdadeira razón deste repentino interese do PP por igualar o custo da recollida e tratamento dos RSU’s co recadado directamente pola taxa é a intención da Deputación do Sr. Baltar, expresada explícitamente no seu informe, de privatizar a xestión do servizo, co cal este debe estar autofinanciado e nun nivel de ingresos que o fagan atractivo á empresa privada.

En resumo, dende o BNG rexeitamos esta suba e solicitamos ao Alcalde de Xinzo e ao Presidente da Deputación que manteñan este servizo básico aos veciños no ámbito da xestión pública, xa que a súa privatización o único que vai provocar é un empeoramento da calidade do mesmo, como xa aconteceu noutras vilas e cidades gobernadas polo PP, nomeadamente, na propia capital do Estado, caso paradigmático do que pode chegar a representar a privatización dun servizo esencial coma este.

Imposto de Bens Inmóbeis (IBI)

A “contribución” é outro dos tributos que se incrementan para o 2015: a Urbana do 0,56 ao 0,59 (+5%) e a Rústica do 0,52 ao 0,58 (+11%). Como ven sendo habitual o PP esgrime o argumento da aplicación estricta do Plan de Axuste para xustificar a suba, esquecéndose que ese plan redactárono e aprobárono eles mesmos e que só se cumpre no apartado de suba de taxas e impostos, ignorando case por completo outras medidas de aforro que tamén contemplaba, como xa denunciamos nós que ocurriría no seu momento.

Abastecemento, saneamento e depuración de auga

A concesionaria do servizo verá lixeiramente reducidos os ingresos pola aplicación do IPC do -0,2%. En calquera caso, esta “rebaixa” non vai poñer en ningún caso en perigo a súa rendibilidade, xa que o contrato aprobado no seu día polo propio PP nunhas condicións extremadamente ventaxosas (para a adxudicataria) garántelle un suficiente volume de ingresos a conta dos petos dos veciños e veciñas de Xinzo.


1 comentario