A Xunta “require” ao Concello de Xinzo a anulación da reordenación de volumes na Avd. de Ourense, esquina Pista dos Castros

20141216-ortofoto-gadis

O Concello de Xinzo ven de recibir un requerimento da Xunta de Galiza instando a anulación do acordo plenario de data 30/10/2014 sobre a aprobación definitiva do “Estudo de Detalle da Reordenación de volumes na Avd. de Ourense nº130, esquina Pista dos Castros”.

O BNG alertou ao Alcalde das dúbidas que planeaban sobre a aprobación desta reordenación e solicitou a retirada do punto da orde do día do pleno

Este estudo de detalle, desenvolvido pola iniciativa particular da promotora, tiña como obxectivo regularizar a situación urbanística do supermercado ubicado nesa parcela, transferindo edificabilidade da parte de adiante do solar, que dá á N525 (onde agora se ubica o aparcadoiro) á parte de atrás (ocupada polo propio edificio). Para isto rebaixábase a altura permitida na liña de edificación frontal das cinco alturas contempladas no PXOM a só tres, co achaque oficial de obter «unha transición proporcionada entre os volumes do solo residencial e o solo dotacional».

No pleno referido o Grupo Municipal do BNG alertou ao Alcalde das dúbidas que nos plantexaba a aprobación deste estudo de detalle, malia contar con informes técnicos favorábeis, e daquelas solicitamos a retirada do punto da orde do día para ser analizado en máis profundidade. O Sr. Pérez fixo caso omiso da nosa petición e o punto foi aprobado cos votos favorabeis do PP, o voto en contra do BNG e a abstención do resto de grupos.

Agora a Xunta de Galiza require ao Concello de Xinzo para que anule ese acordo plenario. A falta de concretar os argumentos da propia Xunta, aos cales teremos acceso este vindeiro xoves na comisión convocada ao efecto, como mínimo podemos afirmar que tiñamos razón ao pedir que se deixara o tema pendente ata un estudo máis en profundidade.

En calquera caso, deberían ser o Alcalde e o seu grupo de goberno os que explicaran as verdadeiras razóns desta présa e o por que da súa negativa a adiar a aprobación naquel pleno, malia estar advertidos.


1 comentario