Alegación en contra da suba do 20% da taxa do lixo aprobada polo PP para 2015

Hoxe rexistramos unha alegación en contra da suba do 20% da taxa do lixo aprobada polo goberno do PP no pleno do pasado 13 de novembro. Os argumentos resumidos polos que solicitamos deixar sen efecto esa suba son os seguintes:

  1. O informe da Deputación que serve para xustificar a suba é de decembro de 2013 e, polo tanto, non recolle a realidade actual do servizo ao non contemplar, por exemplo, as modificacións no “canon de Sogama” coa previsión de rebaixa anunciada para o vindeiro exercicio.
  2. Ese informe serve como base para realizar o cobro aos concellos adheridos á xestión da Deputación, é dicir, cóbraselle aos concellos en función dun estudo teórico e non en base a custos reais. A maiores o reparto entre os concellos faise segundo un criterio poboacional, sen ter para nada en conta o volume de lixo producido realmente. En función disto o custo de xestión dos RSU’s do Concello de Xinzo para o ano 2014 é de 517.746,92€, aos que lle hai que restar 47.228,77€ de ingresos pola reciclaxe.
  3. Nun informe dos servizos técnicos do Concello expóñense carencias á hora de recadar a taxa, consideramos inxusto aplicar unha suba aos que xa pagan antes de mellorar a xestión da recadación para conseguir que todos os beneficiarios do servizo contribúan ao financiamento do mesmo.

Velaquí tedes tamén o texto completo da alegación onde se explica todo máis polo miúdo:

Ramiro Rodríguez Suárez, con documento de identidade nº34.977.248-K e enderezo, a efectos de notificación, na Rúa Río Arnoia, 14 – Local 18 (Multicentro, 1ªP) de Xinzo da Limia, en nome e representación do Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego (BNG), como mellor proceda en Dereito comparece e,

EXPÓN

PRIMEIRO – O Concello de Xinzo ten delegada a recollida e tratamento dos RSU’s dende o ano 2008 en virtude do Convenio de Cooperación asinado coa Exma. Deputación Provincial de Ourense, publicado no BOP nº217 do 19 de setembro de 2007.

SEGUNDO – O Pleno do Concello de Xinzo da Limia, na sesión extraordinaria celebrada o día 13 de novembro de 2014, acordou a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal nº8, reguladora da taxa polo servizo de recollida do lixo. O correspondente anuncio foi publicado no BOP nº264 do 17 de novembro de 2014, data a partir da cal se abriu un período regulamentar de 30 días hábiles para a presentación de alegacións.

TERCEIRO – O asinante, ao abeiro do establecido no art.18 do RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLFL), procede á presentación da presente alegación.

CUARTO – A memoria económico-financeira á que se refire o art.20 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos, preceptiva para a modificación da taxa, figura na documentación elevada ao plenario como “Anexo I” baixo o título “Estudo económico da xestión intermunicipal de RSU en réxime de competencia delegada, mediante unidade provincial única, para o ano 2014”. Esta memoria foi redactada polo técnico da Deputación Provincial en decembro de 2013, o cal, en virtude dos cambios operados nas condicións do servizo dende esa data, especialmente no referente ao “canon de Sogama” que representa ata un 51,45% dentro da estrutura de custos repercutidos aos Concellos fai, ao noso entender, que non sexa un instrumento plenamente válido para o cálculo da taxa de cara ao exercicio 2015, cando menos, sen unha revisión en profundidade e unha actualización que teña en conta a situación previsíbel para o vindeiro ano.

QUINTO – Este estudo económico (Anexo I) foi realizado en base a unha estimación de custos teóricos dos diferentes elementos que interveñen no proceso. Dado que a Deputación Provincial ven prestando este servizo dende o ano 2008 entendemos que dita estimación debería vir avalada por unha análise comparativa entre as previsións e os custos reais dos exercicios pechados. Ademais, o referido estudo é dado por bo e admitido sen tan sequera un informe dos servizos técnicos propios do Concello de Xinzo que faga unha análise en profundidade para validar as premisas e os cálculos recollidos no mesmo, malia tratarse dunha importante cantidade que ten notábel incidencia sobre as arcas municipais e, por extensión, sobre as economías dos veciños e veciñas.

SEXTO – O estudo económico (Anexo I) é xenérico e abrangue aos 49 concellos que teñen delegado o servizo na Deputación. A estimación do custo da xestión dos RSU’s asígnaselle ao Concello de Xinzo en función dun criterio de reparto poboacional. Este criterio simplifica a atribución da porcentaxe a cada un dos concellos, mais consideramos que, dadas as características do servizo, pode non resultar o máis xusto, toda vez que o propio estudo establece o concepto de “aboado equivalente” á hora de calcular a base e propoñer os diferentes tramos da taxa. Neste senso tamén cómpre destacar que resulta rechamante que nun servizo cuxo custo depende fortemente da cantidade (volume/peso) de material tratado, este parámetro non teña efecto á hora de efectuar o reparto entre os concellos adheridos, o cal, de entrada, desincentiva os posíbeis esforzos en canto á redución na xeración de lixo que puidera levar adiante un concello determinado e traslada, na práctica, a hipotética boa xestión duns á non tan boa de outros o cal, loxicamente, vaise reflectir na taxa aplicada.

SÉTIMO – O informe do servizo de Recadación e Catastro (Anexo II) pon de manifesto deficiencias á hora de recadar a taxa, isto provoca un déficit entre o importe reclamado pola Deputación e o efectivamente ingresado na Tesouraría municipal. Tendo en conta isto, resulta cando menos inxusto e pouco equitativo tentar solucionar ese déficit subíndolle a taxa aos que xa a pagan, sen antes incidir en medidas de mellora da recadación encamiñadas a conseguir que todos os beneficiarios do servizo contribúan efectivamente ao seu sostemento.

OITAVO – A liquidación realizada pola Deputación (Anexo III) do importe a soportar polo Concello de Xinzo, que para o ano 2014 ascende a 517.746,92€ – 47.228,77€ = 470.518,15€, está realizada en base aos custos estimados no estudo previo e non a datos reais de custo efectivo do servizo extraídos dos asentos contábeis da Deputación ao peche dos períodos correspondentes. Por outra banda, o padrón do lixo para este mesmo exercicio ascendía a 361.915,94€ e a cantidade efectivamente recadada foron 307.389,45€. Semella pouco rigoroso facer o cálculo do desfase existente en base a comparar unha magnitude real e verificábel con outra teórica e sen contrastar, máxime se temos en conta que a redución do mesmo é o que provoca a suba do 20% aprobada para o ano que ven.

Por todo o exposto,

SOLICITA

  1. Que se teña por presentado en tempo e forma este escrito de alegación.
  2. Que se proceda á anulación da modificación da ordenanza fiscal nº8, reguladora da taxa polo servizo de recollida do lixo, no referente ás tarifas aprobadas para a súa entrada en vigor no exercicio 2015, deixándoa sen efecto.

1 comentario