O BNG esixe medidas á Xunta para evitar que a couza guatemalteca poida afectar á comarca da Limia

O Grupo Municipal do BNG de Xinzo ven de presentar unha iniciativa no Concello para solicitar da Xunta de Galiza medidas urxentes para o control e erradicación da praga da couza guatemalteca da pataca.

A praga da pataca causada pola polilla guatemalteca (Tecia solanivora), que se estende por Galiza e Asturias, constitúe un risco que compre atallar de raíz. En Galiza, en novembro do 2015 Medio Rural recoñecía oficialmente a praga na zona de Ferrol, Narón e Neda, e meses despois decretaba tamén unha corentena en Viveiro, Xove, Cervo, Foz e O Valadouro, na Mariña lucense. Agora, dous anos despois, Medio Rural, ven de publicar a lista de concellos afectados, estendendo a corentena  a 31, todos no norte da provincia de A Coruña e Lugo.

A información que está chegando aos produtores é escasa e confusa e nos concellos afectados hai moitas dúbidas e incertezas. Por iso é preciso coñecer de primeira man como está a situación, cales son as medidas que se van implementar para evitar ou paliar a chegada desta praga.

Estamos diante dun problema de enorme envergadura porque pode afectar á comarca da Limia produtora por excelencia do noso País.