O BNG apoiará a moción conxunta para anular a licenza de obra da planta asfáltica de Parada de Ribeira

Na Xunta de Goberno Local do 24 de maio do 2017 acordouse a concesión da licenza urbanística a unha Planta de produción de mestura bituminosa en quente na canteira de Bouzas nº266 de Parada de Ribeira. Este expediente, que no seu día foi iniciado pola empresa OCA, S.A., actualmente é promovido pola empresa “Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales, S.L.” (OPAIN, S.L.).

No pleno extraordinario do 28 de xullo de 2014 acordouse, por unanimidade, instar á Xunta a que non se lle concedese dita licenza.

A día de hoxe os argumentos que se aduciron no seu momento seguen a ter plena validez.

  1. É unha zoa de alta produtividade agropecuaria e que foi obxecto de concentración parcelaria. Está próxima o perímetro de protección da ZEPA.
  2. Afectará gravemente ás persoas e aos seus bens.
  3. A actividade non é compatible coa clasificación urbanística que se lle da aos terreos no PXOM de Xinzo (solo rústico de protección forestal).
  4. Causaríalle un grave prexuízo aos titulares das explotacións agro-gandeiras ubicadas nas súas proximidades.
  5. Esta actividade xera a emisión de materiais contaminantes á atmosfera moi perigosos.

Estamos diante dunha actividade molesta, insalubre, nociva e perigosa e como tal non pode instalarse a menos de 2.000 metros de núcleos de poboación. A distancia ao pobo de Parada de Ribeira é de 400 metros.

Dende o BNG instamos ao goberno do Concello a que busque unha saída a unha situación que nunca debeu chegar ao punto actual e da cal son os principais responsabeis ao non informar aos veciños e veciñas, e no opoñerse con todos os medios e de xeito rotundo en cada un dos trámites administrativos previos á solicitude da licenza municipal.