O pleno do Concello de Xinzo debaterá a moción para solicitar á Deputación a posta en marcha dun Plan Único

No día de hoxe os tres grupos da oposición no Concello de Xinzo, PSdeG-PSOE, XA (Xinzo Adiante) e BNG, rexistramos unha moción conxunta para instar á Deputación de Ourense á posta en marcha dun Plan Único de cooperación cos concellos da provincia que permita un reparto obxectivo dos fondos segundo os criterios establecidos pola FEGAMP e que incremente os recursos adicados a cooperación na liña do que xa están a facer as outras tres deputacións do noso País.

A moción é similar á que xa se debateu o pasado día 9 de agosto no pleno extraordinario da propia Deputación de Ourense e os principais obxectivos que se perseguen son os seguintes:

  1. Dar cumprimento á verdadeira finalidade das deputacións, tal e como están concibidas na actualidade e mentres non desaparezan, de cooperación cos concellos.
  2. Rematar coas prácticas clientelares no reparto dos recursos públicos, que pasarían a distribuírse en base a criterios totalmente obxectivos beneficiando a todos por igual.
  3. Garantir anualmente unha cantidade estábel e relevante de fondos aos concellos que poderían empregar en investimentos, emprego e benestar.

O Concello de Xinzo de Limia, malia non ser dos peor tratados dende o ente provincial, recibiu aproximadamente 360mil euros no ano 2016 e 220mil no 2017 entre fondos provenientes dos diferentes plans de cooperación e subvencións nominativas. Coa posta en marcha dun plan único que adicase arredor dun terzo do orzamento anual da Deputación a cooperación, o noso concello recibiría máis de 580mil euros anuais. A día de hoxe concellos similares das outras provincias xa perciben cantidades moi importantes en cooperación, por exemplo, As Pontes (A Coruña): 1,5M€, Vilanova de Arousa (Pontevedra): 740mil€, Ribadeo (Lugo): 400mil€.

Nos últimos anos o resto de deputacións galegas veñen dando pasos para dotar de maior transparencia e obxectividade os cartos destinados á cooperación municipal. Este esforzo rematou de concretarse no presente exercicio no cal as outras tres deputacións galegas puxeron en marcha plans de cooperación cos concellos dotados cun importante volume de fondos repartidos homoxeneamente segundo criterios que non dependen da cor política ou da afinidade do equipo de goberno. A Deputación de Ourense non pode ficar á marxe destes avances e seguir coa política actual de discriminación en base a criterios só coñecidos polo seu Presidente e o grupo que o apoia.