Acto de celebración do Día da Patria 2018

Este sábado, dentro das actividades que o BNG está a desenvolver por todo o país co gaio do Día da Patria, celebramos un acto en Xinzo dirixido á militancia e simpatizantes coa presenza da Deputada por Ourense no Parlamento de Galiza, Noa Presas, acompañada do noso Concelleiro e Deputado provincial, Ramiro Rodríguez.

Nos seus discursos ambos fixeron referencia ao acontecido no último ano no estado español para deixar claro que, na reforma da arquitectura constitucional, Galiza deberá defender a súa condición de Nación para xogar ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya.

Ramiro Rodríguez reivindicou que “o noso país ten todos os atributos para reivindicar un lugar no mundo: xente, territorio, idiosincrasia, cultura, historia e idioma”, afirmando que “o pobo galego xa é maior de idade para responsabilizarse do seu futuro e tomar as súas propias decisións en todos os ámbitos”, e para iso é “imprescindíbel contar co BNG, unha forza política propia e cos centros de decisión aquí que ten a Galiza como un fin e non como un medio”.

Pola súa banda, Noa Presas destacou a “laboura que exerce o nacionalismo como motor de cambio tamén dende os concellos, con exemplos claros ao longo de todo o país como Allariz ou Pontevedra” que demostran que non hai que caer na resignación que representa o PP de Baltar e Feijoo e que “hai políticas alternativas para acabar co abandono do rural e aproveitar e poñer en valor todos os nosos recursos e a nosa riqueza”.

Finalizou o acto convidando a todas e todos os asistentes a encher o vindeiro 25 a Praza da Quintana neste ano especialmente significativo no que se cumpren 50 dende que en 1968, en plena dictadura franquista, uns pioneiros colgaran unha faixa na Alameda compostelá desafiando ao réxime e reivindicando unha “Galiza ceibe e socialista”.