Valoración do BNG do pleno de elección do Sr. Cabas como terceiro alcalde no que vai de mandato

A celebración hoxe, ás presas, do pleno extraordinario no que resultou elixido alcalde o terceiro candidato do PP, Manuel Cabas, logo da renuncia forzada pola xustiza de Antonio Pérez, e da dimisión inesperada por “motivos persoais” de Manuel Casas, é un capítulo máis do culebrón permanente no que o Partido Popular leva convertido ao Concello de Xinzo nos últimos dous mandatos.

A escolla do Sr. Cabas, xa oficializada no Salón de Plenos logo de ser bendecido na xestoría do ex-alcalde condenado, nin vai pechar a crise institucional, nin vai supoñer ningún tipo de revulsivo no fracturado goberno do Concello. O que o PP non fixo en 30 anos non o vai facer agora en 9 meses, por moito empeño e colaboración que achegue o Sr. Baltar utilizando e instrumentalizando á Deputación para tentar silenzar as críticas e dar unha apariencia de “normalidade” e de “acción de goberno”, cando a teimuda realidade é que Xinzo non ten sobre a mesa ningún proxecto estratéxico a curto, medio ou longo prazo e levamos décadas de atraso consecuencia dos gobernos “populares”.

Logo do discurso breve, plano e falto de novas ideas escoitado hoxe non depositamos demasiadas expectativas no Sr. Cabas e, en todo caso, si esiximos que exerza as súas funcións con independencia, criterio e personalidade propios, sen influenzas ou teledirixidos externos, e facemos votos para que sexa o derradeiro alcalde que teñamos neste mandato. Na nosa liña, continuaremos a propoñer e apoiar todas as medidas que supoñan avances e resulten beneficiosas para as veciñas e veciños de Xinzo, que serán os que teñan o vindeiro ano na súa man e co seu voto a solución a toda esta desfeita.

Dende o BNG mantemos a nosa folla de ruta de cara ás eleccións traballando nunha alternativa de goberno que sitúe a Xinzo na senda de outros concellos de Galiza que apostaron hai tempo por gobernos de progreso e que, a día de hoxe, colleitan xa os froitos de esa aposta.


1 comentario

  • o paxariño says:

    A ver se vos espelides e facedes méritos para demostrar aos que depositaron o voto na vosa lista.
    Vai sendo hora de reilusionar e demostrar que hai esperanza para este concello, presentando unha lista renovada e solvente, disposta a ganar as eleccións e gobernar Xinzo, para reverter o declive demográfico e económico.
    Ou presentades renovación e traballades ben a precampaña pateando o municipio casa por casa, ou dade por feito que medrará a abstención e os votos brancos e nulos.