O BNG presenta o primeiro tramo da lista para as municipais de 2019

O BNG de Xinzo rematou un proceso interno desenvolvido dende hai varias semanas e onte presentoulle á militancia e simpatizantes os tres primeiros nomes da candidatura para as eleccións municipais de 2019. Encabezando a lista estará Ramiro Rodríguez, actual concelleiro e deputado provincial, o número dous será para Alba María Feixóo e o terceiro posto estará ocupado por Gabriel Rodríguez.

O BNG irá completando nos vindeiros meses, por tramos, unha lista cremalleira que integrará a figuras chave dos últimos anos, combinada cunha aposta clara pola xuventude e a renovación. A nosa intención é presentarlle aos veciños e veciñas de Xinzo unha equipa cohesionada, xunto cun programa ambicioso e realizábel que recolla as reivindicacións históricas que levamos reclamando dende hai décadas, actualizadas e postas ao día para reflectir a realidade actual do noso concello e dar resposta ás necesidades e demandas da veciñanza.

Estamos a poucos meses da celebración dunhas novas eleccións municipais que van resultar transcendentais para o futuro inmediato do noso concello. O modelo caduco e esgotado que representa o PP no seu conxunto amosa, no caso de Xinzo, a súa peor faciana: alcaldes condenados e inhabilitados por corrupción, falta de proxecto, ruptura, división, etc. cunhas consecuencias que pagamos todas as veciñas e veciños.

Dende o BNG temos amosado a nosa capacidade, non só para denunciar os erros e carencias dos actuais dirixentes do Concello, se non para propoñer alternativas a todas e cada unha das fracasadas receitas políticas aplicadas nos últimos anos. No noso entorno o “modelo BNG” tense demostrado unha referencia de éxito e, nas vilas e cidades nas que temos responsabilidades de goberno, consolídase como un exemplo real de traballo en positivo pensado para procurar o benestar de todas e de todos. Xinzo non pode ser a excepción.