O BNG presenta a súa proposta alternativa de mellora do proxecto da Avd. de Celanova

No Pleno extraordinario do pasado 18/10/2018 aprobouse o convenio entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o propio Concello para o acondicionamento da Avd. de Celanova (OU-531). Así mesmo, tivemos acceso tamén ao proxecto reformulado que é o que actualmente asume como propio o grupo de goberno para executar esta obra.

Para non repetir erros do pasado recente solicitamos reiteradamente que, malia non ser obrigatorio por lei a exposición pública do mesmo, se lles dera a coñecer ás veciñas e veciños e se abrira un período para recoller as posibeis achegas de modificación ou mellora. No día de hoxe rexistramos no Concello as nosas propostas e solicitámoslle ao alcalde que convoque unha reunión da Comisión Informativa de Urbanismo e Obras.

Dende o BNG de Xinzo presentamos as seguintes modificacións puntuais que, non alterando substancialmente o proxecto orixinal para non provocar novos retrasos nesta obra prioritaria, permitirían, dende o noso punto de vista, obter un resultado máis acorde cos obxectivos perseguidos de humanización e incremento da seguridade viaria:

  1. Eliminación do carril de entrada como opción de acceso para todos os vehículos que circulen na dirección Vilar de Santos-Xinzo. Restrición como carril exclusivo de acceso para residentes.
  2. Reubicación do paso de peóns ubicado ao inicio da rúa.

Adicionalmente tamén lembramos a necesidade da limpeza e eliminación do resto de especies vexetais e que a faixa lonxitudinal na que se atopan as árbores centenarias garanta, en calquera caso, a súa protección.

Eliminación do carril de entrada como opción de acceso para todos os vehículos que circulen na dirección Vilar de Santos-Xinzo. Restrición como carril exclusivo de acceso para residentes.

No proxecto de reforma o actual carril de servizo pasa a se converter nun carril principal de circulación. Isto significaría que os vehículos transitarían sen limitacións nen restricións absolutamente rente a unha estreita beirarrúa e, xa que logo, moi perto dos baixos, portais e mesmo vivendas. Son máis que evidentes os perigos desta “recualificación” do carril: representaría un elevado risco para a propia veciñanza da rúa en particular e para todas e todoso usuarios da vía a pé e en bici, en xeral.

Desde o BNG, temos unha aposta sinxela e clara que permitiría conxugar á perfección dous factores: funcionalidade no tráfico e no acceso aos servizos comerciais e humanización da Avda. de Celanova. A solución pasa polo estabelecemento para todos os vehículos dun único sentido de circulación e converter o carril esquerdo nun carril reservado ás veciñas e veciños desa marxe da estrada, os cales conservarían total acceso rodado a el desde a rotonda que conecta coa R/ Zepetal.

Reubicación do paso de peóns ubicado ao inicio da rúa

Así mesmo, non semella o máis acaído en materia de seguranza a nova situación do paso de peóns no inmediato comezo da vía, xusto pegado á rotonda da Avd. de Ourense, reducíndose enormemente a visibilidade e marxe de reacción para os vehículos en relación á importante cantidade de peóns que adoitan utilizalo. Neste caso propoñemos sinxelamente o seu mantemento na actual ubicación, que permite unha visibilidade moi superior para vehículos, viandantes e ciclistas.