Crónica dunha prevaricación anunciada

A confirmación por parte da Audiencia Provincial da sentenza emitida hai uns meses polo Xulgado do Penal nº1, logo de deducir testimonio tras as sentenzas do Contencioso-Administrativo, é o capítulo final da lamentábel traxectoria política do Sr. Antonio Pérez, que xa encetou con mal pé ao empurrar, logo de meses de chantaxes e trapicheos dentro do grupo de goberno e no propio PP, ao veterano Isaac Vila (tamén condenado por prevaricación) a abandonar a alcaldía, nunha manobra que levantou ampolas entre os propios militantes do PP de Xinzo.

Parafraseando ao gran García Márquez, estamos diante da crónica dunha prevaricación anunciada, e dende o BNG xa dixemos dende o primeiro día que o Sr. Pérez non tería escrúpulos en utilizar todas as “ferramentas” do poder que dá a alcaldía para, a imaxe e semellanza do seu predecesor, e seguindo a mellor das tradicións do PP de Ourense, consolidar a súa propia rede caciquil utilizando os dous piares básicos que lle proporcionaba o cargo, nomeadamente: contratacións de persoal e adxudicacións de obras.

Agora, logo de anos de proceso xudicial nos que o propio Concello de Xinzo tivo que soportar as consecuencias institucionais da conduta do ex-ex-alcalde e nos que varios funcionarios se viron afectados na súa vida profesional e persoal e tiveron que deixar o Concello. Logo de ter que asistir ao feito inédito de que o alcalde ordene de xeito ilegal o precinto do equipo informático do Secretario. Logo de manterse ata o derradeiro intre no cargo non sendo do PP, mais co apoio do PP. Logo de asistir a un xuízo oral esperpéntico no cal a propia fiscal se mofaba da actitude do Sr. Pérez e lle preguntaba ironicamente se no Concello de Xinzo alguén lía algo do que asinaba. Logo da tardía renuncia, que non dimisión, do Sr. Pérez forzada pola sentenza que xa legalmente lle impedía seguir á fronte da alcaldía á que se aferraba. Logo do fulgurante paso polo cargo do seu sucesor, Manolo Casas, que dimitiu, el si, alegando “motivos persoais”. Logo da chegada do actual alcalde, Manuel Cabas, hiperactivo coa complicidade do PP de Ourense e de Galiza nun intento desesperado de salvar os móbeis ante a inminencia das eleccións en maio do ano que ven.

Agora, logo de todo isto, a confirmación da condena por prevaricación administrativa continuada ao Sr. Antonio Pérez non só descualifica a súa traxectoria persoal, pola contra, é unha condena e unha emenda á totalidade da executoria e do xeito de gobernar do PP de Xinzo e do conxunto do PP de Ourense, co Sr. Baltar á fronte, que apostou polo Sr. Pérez dende o primeiro intre e que o aupou e nomeou para cargos relevantes dentro da estrutura interna do propio partido e en institucións como a Deputación. Todos son corresponsábeis e cómplices de todas as actuacións denunciadas, probadas e contrastadas en sede xudicial e todos deberían ofrecer explicacións e responsabilidades ao conxunto das veciñas e veciños, non só por esta sentenza, se non por permitir, amparar, fomentar e tolerar que o Sr. Pérez seguira sendo o líder na sombra que movía (e move) os fíos do Concello, incluso despois da condena inicial do Penal.

Dentro de seis meses os cidadáns terán novamente a oportunidade de pasar páxina definitivamente e relegar ao caixón da historia negra de Xinzo a todas estas nefastas personaxes que, para mal, teñen marcado e condicionado a política do Concello ao longo dos últimos 30 anos. Dende o BNG, coma sempre, traballaremos por artellar unha alternativa de goberno ilusionante, fresca, con ideas e con proxecto.