O BNG de Xinzo súmase á campaña de denuncia do espolio enerxético do noso País

No BNG defendemos que Galiza ten dereito a controlar os seus recursos enerxéticos e para iso é fundamental poñer fin á actual situación de explotación colonial e reclamar capacidade normativa. Co actual modelo, mentres estado e eléctricas aumentan os seus beneficios e Galiza exporta enerxía, no noso país hai máis de 442.000 persoas que declaran non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada e a taxa de risco da pobreza incrementou nun 12,15% dende o 2009.

Non é de recibo que por riba de non beneficiármonos de producir, grazas ás políticas enerxéticas do Partido Popular, vaiamos pagar a factura máis cara do Estado como consecuencia da aplicación dos “suplementos territoriais” recollidos no Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria de Rajoy, que se van repercutir nas facturas para recadar arredor de 38 millóns de euros. Isto é un absoluto disparate, quen produce paga máis que quen non e as galegas e galegos imos recibir o tarifazo máis grande do Estado.

Por outra banda, hai que engadir que a electricidade ten unha fiscalidade absolutamente disparatada e excesiva, o que tamén incrementa o prezo final, ao atoparse no tramo máis elevado do IVE (21%), sendo un dos máis altos de Europa.

Dende o BNG imos trasladar toda esta problemática ás veciñas e veciños de Xinzo mediante varias iniciativas institucionais e informativas. Xa temos rexistrada unha moción no Concello para tratar no vindeiro pleno e mañá venres, día 14, faremos unha recollida de sinaturas e unha charla informativa cun experto.

Actos venres, 14 de decembro:

  • Mesa informativa e recollida de sinaturas na Rúa de San Roque de 12:00 a 14:00h
  • Acto informativo aberto con Xoán Xosé Bouzas (Secretario Nacional da CIG Industria), no Café Ítaca (Praza da Torre) ás 20:00h