Xa abonda de experimentos no Toural!

A errática e desnortada acción política do PP de Xinzo, especialmente nos últimos anos, ten a súa expresión máis gráfica na francamente mellorábel situación dos diversos parques infantís, espazos de lecer e zonas verdes espalladas ao longo e ancho da nosa vila.

De entre todas as desfeitas destacan as perpetradas na Alameda e no Parque do Toural, campo de experimentación de sucesivas escolas-taller organizadas polo Concello e que, malia forte achega de recursos económicos, non conseguiron solucionar as necesidades nin dotar ás veciñas e veciños de Xinzo dunha zona de esparcemento axeitada, como teñen en outras vilas e pobos máis pequenos.

Son moitas, e case todas dañinas, as actuacións dos últimos tempos: eliminación do muro perimetral de pedra, con polémica aparellada polo destino final da mesma, desaparición paulatina e sistemática de exemplares arbóreas, construción do “paseo” á beira do Limia, con regadío incluído, que non fixo máis que separarnos aínda máis do propio río, embaldosado do parque infantil, instalación dunha estación de recollida de información meteorolóxica, … as desfeitas suman e seguen.

Agora, esgotado o mandato, coas repentinas ansias de última hora dunha equipa de goberno deslabazada e dun alcalde interino, novamente se están a realizar traballos na zona e, por desgraza, todo parece apuntar a unha nova oportunidade desperdiciada e a un novo malgasto de esforzos e recursos. A inexistente planificación e a histórica falta de proxecto, metas e obxectivos dos sucesivos alcaldes e gobernos do PP fai que os cidadáns de Xinzo tampouco teñan a día de hoxe uns parques e zonas verdes á altura dos tempos.

Se o BNG de Xinzo ten responsablidades de goberno a partir do vindeiro mes de maio, poremos en marcha unha actuación planificada neste espazo que o convirta no principal pulmón verde da vila e en zona de referencia de lecer para os veciños e veciñas, coa recuperación do arbolado, o achegamento ao río e a posta en valor dos recursos arqueolóxicos agora sepultados e esquecidos.