O BNG presenta o seu programa de goberno e a web de campaña para achegar á cidadanía o proxecto dun Xinzo novo

Nun esforzo por levar as nosas propostas directamente á cidadanía de Xinzo, no BNG apostamos por trasladar parte da nosa campaña á rede paralelamente aos mitins, encontros e demais actos públicos que estamos a realizar. Para conseguilo poñemos a disposición das veciñas e veciños a web coasideasclaras.bngxinzo.gal que contén toda a información sobre a candidatura e o programa electoral. Tamén estaremos presentes nas redes sociais onde publicaremos diariamente actualizacións sobre a campaña, así como pequenas vídeopropostas nas que os membros da candidatura falarán dos puntos máis importantes do programa electoral.

Os nacionalistas presentamos un proxecto ambicioso que pretende por en marcha un novo modelo de vila, que garanta uns servizos públicos de calidade e que reactive a economía e o comercio, un goberno que aposte por un Xinzo humanizado e ben comunicado, sempre cunha xestión transparente, rigorosa e solvente.

Asemade, por coherencia e porque pensamos que é o lóxico e o desexable nun sistema democrático, lembramos a nosa proposta de levar a cabo un debate entre todas as candidatas e candidatos a alcaldía de Xinzo, para poñer sobre a mesa e contrastar as ideas e proxectos de futuro para o noso municipio.